Descrición da adega

    Lagar de Besada é unha adega familiar, con máis de 40 anos de experiencia, cuxos comezos se inician no pequeno garaxe da casa.

    O seu camiño profesional comeza ao mesmo tempo que a D.O. Rías Baixas, arredor do ano 1988; foi unha das primeiras adegas en sumarse. Os seus viños caracterízanse polo respecto á terra, o esforzo na selección das mellores uvas da variedade albariño que, xunto cunha coidada produción, un período de descanso en depósito e o seu propio estilo, dan lugar a viños de alta calidade e personalidade. E todo isto, xunto coa humildade, marca o estilo de Lagar de Besada.

    Para a condución úsase o enreixado tradicional, con este sistema maximízase a exposición ao sol das follas e o froito ten unha mellor ventilación. Os acios son pequenos, maduran cedo e son de vigor medio. As uvas son pequenas con irisación dourada e verde, elegantes aromas florais e afroitados, o seu sabor é fresco e suave.

    Ofrecen unha hora para coñecer o mundo do viño e a cultura que o rodea, no Lagar de Besada podes visitar as instalacións e ver de preto o proceso de elaboración de albariño e espumosos elaborados polo método tradicional e afondar nas sensacións que provocan os seus viños. Ademais dispoñen dun espazo onde degustar os seus viños por copa ou por botella, en calquera momento e sen présas.

    Tamén teñen un pequeno hotel rural situado nun ambiente de natureza viva. Teñen 6 habitacións dobres con baño e terraza. Cada habitación leva o nome dun dos seus viños.

    María e David (os seus responsables) comentan: «Estamos a favor dunha mínima intervención humana. Non aceleramos os procesos para vender máis. Respectamos os tempos dos viños, non temos présa. Polo tanto, cada vendima é diferente. Porque non presionamos a uva nin o viño».

    Denominación de orixe
    Ubicación
    Información de Contacto
    Ubicación
    Carro